Lun 02 de May del 2016
Estas axudas súmanse aos 15,4 millóns de euros destinados ás Áreas de Rehabilitación Integral e á Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago e ao programa de rehabilitación edificatoria
A Xunta de Galicia destinará este ano catro millóns de euros a axudas de rehabilitación de vivendas no medio rural, en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago, segundo establece a resolución de convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Dos catro millóns de euros previstos, 3,5 serán destinados a axudas para a rehabilitación de vivendas no ámbito rural.
Outros 500.000 euros serán destinados a actuacións en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago. Estas axudas súmanse aos 3,2 millóns de euros tamén destinados este ano á rehabilitación de vivendas na ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 107 concellos das catro provincias galegas. Asemade, os convenios asinados en outubro de 2015 para o financiamento das Áreas de Rehabilitación Integral incluían axudas por importe de preto de 9,5 millóns de euros, que serán executadas ao longo de 2016. Cabe salientar que a meirande parte das ARI galegas corresponden con conxuntos históricos de vilas e cidades.
Por outra parte, tamén están convocadas (DOG o 4 de abril de 2016) as axudas de rehabilitación edificatoria, por importe de 2.734.497 euros.
Ao abeiro da Resolución publicada hoxe serán subvencionables as actuacións de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva de data anterior ao 18 de maio de 2014 para o ámbito rural e 1 de xaneiro de 2013 para o ámbito histórico e Camiños de Santiago.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actua-cións indicadas. Tamén poderán beneficiarse os que estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non solicitasen a subvención nos catro anos inmediatamente an¬teriores á data en que presenten a súa solicitude de subvención ou que, téndoa presentado nese período, rematase o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria
As vivendas que se beneficien destas axudas estarán sendo destinadas a residencia habitual e permanente dos beneficiarios. No caso de ser vivendas destinadas ao alugueiro, deberán ter vixente o contrato de alugamento.
A subvención será do 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que esta subvención poida superar a cantidade de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación; cando se trate da reconstrución de edificios e vivendas a cantidade máxima da axuda será de 8.600 euros.
O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes.
Outras axudas
Ademais das axudas de rehabilitación incluídas na Resolución publicada hoxe e os programa xa en vigor, en 2016 está previsto destinar 1,4 millóns de euros a axudas destinadas á obtención do certificado de avaliación enerxética, axudas a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para a súa rehabilitación e a axudas aos concellos para a rehabilitación de vivendas en materia de eficiencia enerxética.
A convocatoria destas axudas realizarase proximamente a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.